Actualidad y noticias

O CONCELLO DENUNCIA “ESPERAS INASUMIBLES” DE MÁIS DE 8 DÍAS PARA UNHA CITA MÉDICA

O CONCELLO DENUNCIA “ESPERAS INASUMIBLES” DE MÁIS DE 8 DÍAS PARA UNHA CITA MÉDICA

02-07-2020

> O Sergas non cubriu as vacacións dun dos tres facultativos, o que incrementou o prazo de agarda tras os atrasos xa acumulados pola covid-19


> “É inaceptable que tras a pandemia os veciños e veciñas de Cuntis teñamos que continuar sufrindo esta desatención sanitaria froito dos recortes do PP”, afirma o alcalde


> O rexedor asegura que “chove sobre mollado” e que a situación de precariedade e desatención por falta de persoal médico se repite ano tras ano a pesar das denuncias e reclamacións constantes efectuadas dende o Concello


> “Cuntis, por desgraza, é un dos maiores exemplos da desintegracións dos nosos servizos públicos de saúde”, asegura


O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, denunciou hoxe o abandono inxustificado e continuado ao que a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia segue somentendo os servizos públicos de saúde da localidade. O Concello sostén que este abandono se pon de manifesto novamente coas listas de espera de máis de 8 días de media para unha cita co médico de familia que se están producindo nestes momentos pola falta de facultativos ao non cubrir o SERGAS as vacacións dun dos tres médicos titulares do centro de saúde. O Concello considera que estes prazos son absolutamente inasumibles en calquera servizo de saúde pública digno, pero aínda o son máis tendo en conta que a situación xerada polo coronavirus xa atrasou multitude de citas e de probas médicas no seu momento. “É inaceptable que tras a pandemia os veciños e veciñas de Cuntis teñamos que continuar sufrindo esta desatención sanitaria que se arrastra dende hai anos froito dos recortes do PP”, afirma o alcalde.

Actualmente, só 2 dos 3 facultativos titulares están pasando consulta no centro de saúde debido ás vacacións dun dos sanitarios que non foi cuberta polo SERGAS. Isto provoca que as citas superen de media os 8 días tras o parón asistencial pola pandemia e que os doutores se vexan sobrecargados ao teren que cubrir a axenda de traballo do seu compañeiro. “Ademais da demora inadmisible, a calidade da atención tamén se ve afectada pola saturación do servizo, mentres o SERGAS mira para outro lado”, explica o alcalde.

Manuel Campos alerta que “se a Xunta non toma medidas urxentes e reforza o persoal médico -tal e como levamos esixindo dende hai moito tempo- a situación prolongarase e incluso se agravará ao longo do verán onde veremos listas de espera moito maiores e aos nosos veciños e veciñas sometidos a un estado de incertidume intolerable para calquera problema de saúde”. “Só os recortes continuados poden explicar que Sanidade non supla as vacacións do persoal médico coas graves consecuencias que isto ten para a propia saúde da poboación”, engade.

O rexedor asegura que “chove sobre mollado” e que a situación de precariedade e desatención por falta de persoal médico se repite ano tras ano a pesar das denuncias e reclamacións constantes efectuadas dende o Concello e dende a propia cidadanía. “Cuntis, por desgraza, é un dos maiores exemplos da desintegracións dos nosos servizos públicos de saúde”, asegura Campos. Nesta liña o alcalde lembrou que o desmantelamento da sanidade en Cuntis está sendo motivo ao longo dos últimos anos de multitude de protestas derivadas tanto da carencia de profesionais como da precariedade do centro de saúde. O ano pasado, sen ir máis lonxe, producíronse mobilizacións veciñais pola insuficiencia de persoal no centro de saúde ou pola falta de cobertura dos servizos de pediatría.

Esta web utiliza cookies de terceros para obtener datos estadísticos de la navegación de sus usuarios. Pulsa el botón "Aceptar" para autorizar su uso.

Aceptar | Rechazar | Más información