Actualidad y noticias

O CONCELLO SOLICITA QUE SE LIMPEN DE MANEIRA URXENTE AS FINCAS EN MAL ESTADO DEBIDO AO ALTO RISCO DE INCENDIO

O CONCELLO SOLICITA QUE SE LIMPEN DE MANEIRA URXENTE AS FINCAS EN MAL ESTADO DEBIDO AO ALTO RISCO DE INCENDIO

29-07-2020

Xa se remitiron máis de 100 notificacións solicitando o acondicionamento das parcelas que incumpren a normativa tanto no ámbito rural coma urbano


O Concello fai un chamamento á responsabilidade e recorda que as fincas descoidadas e cheas de vexetación seca e ao lado de vivendas e estradas constitúen un autentico perigo para a seguridade cidadá


O Concello de Cuntis está desenvolvendo ao longo das últimas semanas un importante labor no ámbito da prevención de incendios mediante a execución de traballos de limpeza tanto cos tractores como coas brigadas antiincendios


O Concello de Cuntis está procedendo durante as últimas semanas á notificación a particulares propietarios de fincas que a estas alturas do verán continúan en mal estado para que traten de limpar as parcelas e acometan as franxas de protección “de maneira urxente” debido ao elevado risco de incendio que supón a proliferación de terreos descoidados nesta época do ano. Como explicou o alcalde, Manuel Campos, “temos dous técnicos municipais dedicados a esta cuestión que xa remitiron máis de 100 notificacións solicitando a limpeza de fincas tanto no ámbito rural coma urbano”. “Estes expedientes” –indicou- “levan consigo un ultimatum no que que se advirte que se non se actúa na limpeza da franxa de protección se procederá á interposición de sancións”.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade e recorda que as fincas descoidadas e cheas de vexetación seca e ao lado de vivendas e estradas constitúen, neste período do ano, un autentico perigo para a seguridade cidadá. Por iso é primordial e ten a máxima urxencia que se limpen as parcelas que representan un perigo. O alcalde lembrou que “o concello de Cuntis, segundo a Consellería de Medio Rural, está entre as zonas con risco alto ou extremo de incendio, polo que temos que tomar as máximas precaucións e tomar conciencia para previr na medida do posible a lacra dos lumes”.


Pola súa banda o Concello de Cuntis está desenvolvendo ao longo das últimas semanas un importante labor no ámbito da prevención de incendios mediante a execución de traballos de limpeza tanto cos tractores como coas brigadas antiincendios que comezaron a traballar o pasado día 15. Trátase de accións de prevención que se levan a cabo mediante rozas e eliminación de maleza en camiños municipais, en parcelas de propiedade do Concello, así como naqueles espazos de uso público especialmente concorridos como son as áreas recreativas ou espazos turísticos como Castro de Castrolandín. O Concello realiza un esforzo relevante en cumprimento da normativa vixente contra os incendios forestais polo que insiste en que tamén é necesario un esforzo por parte da cidadanía para, en conxunto, acabar con este problema.

Esta web utiliza cookies de terceros para obtener datos estadísticos de la navegación de sus usuarios. Pulsa el botón "Aceptar" para autorizar su uso.

Aceptar | Rechazar | Más información