Actualidad y noticias

O CONCELLO LANZA MERCACUNTIS.COM , O PORTAL WEB PARA FOMENTAR O CONSUMO DE PROXIMIDADE E REACTIVAR A ECONOMÍA

O CONCELLO LANZA MERCACUNTIS.COM , O PORTAL WEB PARA FOMENTAR O CONSUMO DE PROXIMIDADE E REACTIVAR A ECONOMÍA

29-05-2020

·       A iniciativa xunta nunha soa plataforma toda a oferta do municipio dunha maneira sinxela e intuitiva que permite ao usuario chegar ao servizo que precisa

·       O alcalde sinalou que Cuntis é dos primeiros Concellos en activar un proxecto deste tipo e  fixo fincapé en que “apoiar á nosa xente é fundamental para soster a economía local e máis nunha situación como a actual”

O Concello de Cuntis presentou hoxe a nova páxina web municipal “mercacuntis.com”, o espazo virtual que nace como resposta ante a crise provocada pola Covid-19, co obxectivo fomentar o consumo de proximidade e así reactivar a economía local. A plataforma contén de maneira detallada e ordenada, toda a información que necesita consumidor para mercar e consumir en Cuntis calquera tipo de produto ou servizo. Concretamente, o proxecto acolle un total de 210 establecementos, negocios e empresas, que van dende os sectores da alimentación e a moda ata hostalería, aloxamentos, construción ou trasporte.  Deste xeito, MercaCuntis xunta nunha sola plataforma toda a oferta do municipio dunha maneira sinxela e intuitiva que permite ao usuario chegar ao servizo que precisa e se oferta no concello. En concreto, permite filtrar dende a páxina de inicio a actividade e as agrupacións comerciais de maneira que a clientela poida acceder e contactar con eles con facilidade. Unha vez realizada a busca, a páxina permite enlazar de maneira directa coa páxina web do establecemento (no caso de que a teña), coas redes sociais ou cos medios de contacto, facilitando moito o proceso de compra e adquisición dun ben ou servizo.  A iniciativa non só servirá para dar a coñecer os nosos produtos, servizos e comercios a nivel local, senón que funcionará tamén como escaparate de Cuntis ao resto do mundo a tan só un clik. O alcalde, Manuel Campos, sinalou que “este proxecto é unha das grandes apostas do Concello de Cuntis dentro das diferentes medidas postas en marcha no proceso de reactivación económica tras a crise sanitaria da Covid-19”. Segundo o rexedor, Cuntis é dos primeiros Concellos da provincia e de todo Galicia en activar un proxecto deste tipo. “Apoiar á nosa xente é fundamental para soster a economía local e máis nunha situación como a actual na que mercar en proximidade xera unha confianza moi necesaria, ao tempo que crea emprego, reactiva a economía e asenta poboación”. “Por iso”, engadiu, “agardamos que a páxina web teña unha boa acollida e sobre todo, que sirva para que os nosos establecementos incrementes as súas vendas”.  A páxina web foi creada en estreita colaboración co comercio de Cuntis e por persoal municipal, o que supuxo un importante aforro económico para o Concello. Todos os establecementos e servizos inscribíronse de maneira totalmente gratuíta. De maneira paralela, o Concello está asesorando en materia de dixitalización a aqueles establecementos que aínda non teñen páxina web ou redes sociais coa finalidade de axudarlles a adaptarse aos novos modelos de consumo e así favorecer o incremento das vendas.  O alcalde animou a todos os veciños e veciñas a facer uso da páxina e a difundila para que chegue ao maior número de persoas posible. Tamén fixo un chamamento a arrimar o ombreiro e mercar no comercio local como acción de responsabilidade ante a crise. Así mesmo, mostrou o seu agradecemento ao persoal do Concello “que realizou un gran traballo e se esforzou moito na creación desta plataforma”. Por último deulles as grazas a todos os establecementos, autónomos ou empresas que participaron facilitando datos e información.  Para resolver calquera dúbida ou para calquera consulta permanece activo o correo electrónico a info@mercacuntis.com.

 

Os custos derivados desta iniciativa e doutras postas en marcha co obxecto de reactivar a economía local están financiados tanto polo Concello de Cuntis como a través de fondos provinciais co apoio económico da Deputación de Pontevedra.

Esta web utiliza cookies de terceros para obtener datos estadísticos de la navegación de sus usuarios. Pulsa el botón "Aceptar" para autorizar su uso.

Aceptar | Rechazar | Más información