Actualidad y noticias

CUNTIS REACTIVARÁ OS PROGRAMAS DE INTEGRACIÓN PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE “HABILITAS” E “HABILITAS FOGAR” ADAPTADOS ÁS CONDICIÓNS SANITARIAS

CUNTIS REACTIVARÁ OS PROGRAMAS DE INTEGRACIÓN PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE “HABILITAS” E “HABILITAS FOGAR” ADAPTADOS ÁS CONDICIÓNS SANITARIAS

07-09-2020

O Goberno municipal estuda o seu reinicio mediante unha volta á actividade progresiva ou a través de accións presenciais de carácter individual

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais, sinalaron que a iniciativa “se vai retomar canto antes porque se trata dun servizo fundamental tanto para os usuarios como para as súas familias”

O Concello de Cuntis anuncia a próxima reactivación dos programas de integración para persoas con discapacidade, Habilitas e Habilitas Fogar que se veñen desenvolvendo dende hai varios anos e que se paralizaron na súa modalidade presencial por mor da pandemia da covid-19. Malia que durante estes meses se mantivo a atención telemática aos usuarios e ás súas familias a través de clases online, envío e corrección de tarefas, apoio psicosocial, etc. considérase fundamental recuperar a atención presencial en vista das limitacións dos medios telemáticos e de atrancos como a fenda dixital que impiden chegar coa mesma intensidade a todas as persoas participantes.

Deste modo, a reactivación dos programas levarase a cabo tendo como máxima prioridade a saúde dos usuarios e dos profesionais que imparten o programa, polo que a volta á actividade presencial se desenvolverá aplicando todas as medidas e protocolos de seguridade frote covid-19. Por estes motivos o Concello está estudando o reinicio da actividade ou ben mediante accións de reactivación progresiva ou ben a través de medidas de carácter individual.

A reactivación progresiva daría comezo coa volta á actividade de maneira individualizada coa ratio 1 profesional / 1 usuario. Desenvolveríase na Casa do Médico con medidas de desinfección continua, mascarilla, control de temperatura, enquisa epidemiolóxica diaria, etc. Estes protocolos permitirían establecer as rutinas coas que avanzar a unha segunda fase na que xa se podería levar a cabo accións de tipo grupal con grupos pechados e todas as condicións de seguridade aplicadas. Pasado un tempo dende o inicio das accións grupais valoraríase xa a reactivación das accións do programa de xeito normalizado mantendo as medidas de seguridade.

A segunda proposta que se está a valorar consistiría en reactivar o programa exclusivamente con accións presenciais individuais na Casa do Médico ou na contorna de cada participante sempre co mesmo profesional para cada usuario e con todas as medidas de seguridade.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Loureiro, sinalaron que se están a estudar todas as posibilidades xunto cos profesionais do programa “para reactivalo o antes posible garantindo a saúde dos participantes, tendo en conta que se trata dunha iniciativa fundamental tanto para os propios usuarios como para as súas familias”. Campos e Loureiro fixeron fincapé na aposta do Goberno Municipal polo desenvolvemento de proxectos de marcado carácter social como o Habilitas, que buscan integrar ás persoas con discapacidade na vida cotiá, ofrecéndolles oportunidades para o desfrute de recursos en comunidade e aumentar a súa autonomía persoal e autoestima. Os programas Habilita e Habilitas Fogar lévanse a cabo dende hai varios anos coordinados dende o departamento de Servizos Sociais coa colaboración de Protección Civil. A iniciativa finánciase a través de fondos propios e dunha axuda provincial do Plan de Concellos da Deputación.




Esta web utiliza cookies de terceros para obtener datos estadísticos de la navegación de sus usuarios. Pulsa el botón "Aceptar" para autorizar su uso.

Aceptar | Rechazar | Más información