Actualidad y noticias

CUNTIS CONTRATARÁ 3 CONDUTORES, 4 PEÓNS E 1 CAPATAZ PARA A  BRIGADA DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

CUNTIS CONTRATARÁ 3 CONDUTORES, 4 PEÓNS E 1 CAPATAZ PARA A BRIGADA DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS

17-06-2020

>   O corpo operará do 1 de xullo ao 30 de setembro e apertura do prazo para optar a un posto abrirase esta mesma semana

 Entre as tarefas que realizará a brigada atópase a extinción de lumes, a vixilancia e defensa forestal, a realización de traballos de prevención de xeito manual e mecánico

O Concello de Cuntis volverá contar este verán cunha brigada de prevención e loita contra incendios forestais. O corpo comezará a operar a partir do 1 de xullo e finalizará o seu labor ao rematar setembro cubrindo así o período estival de maior risco. Estará integrado por un capataz forestal, catro peóns forestais e tres condutores de camión motobomba. A contratación desta brigada forestal derívase do convenio asinado no mes de xaneiro entre o Concello de Cuntis e a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para a participación na prevención e defensa contra os incendios forestais, que establece unha colaboración autonómica de 49.000 euros para a contratación do persoal por 3 meses a xornada completa.

 

O Concello de Cuntis informa que o prazo para que os aspirantes aos postos de traballo presenten as súas solicitudes quedará aberto esta semana e finalizará o día 23 de xuño. Unha vez rematado a prazo de presentación de solicitudes publicarase un listado provisional e darase un prazo de dous días para subsanar posibles deficiencias. Transcorridos estes días presentarase un listado definitivo e fixarase data, lugar e hora para a realización dunha proba física que consistirá nunha proba de esforzo que deberan de superar todos/as os/as aspirantes para poder pasar a segunda fase do concurso.

 

Na segunda fase teranse en conta os méritos de cada persoa aspirante e valorarase a permanencia de cada un en situación de desemprego. Tamén se avaliará o coñecemento da lingua galega e para os postos de condutor de motobomba realizarase un exame práctico de manexo de camión. Os candidatos que obteñan máis puntos de valoración nas probas mencionadas serán seleccionados para os postos. Para o posto de capataz forestal o aspirante deberá contar con algunha titulación universitaria ou de técnico superior en materia forestal ou paisaxística e para os de condutor os candidatos deberán estar en posesión do carné de conducir B.

 

Entre as tarefas que realizará a brigada atópase a extinción de lumes, a vixilancia e defensa forestal, a realización de traballos de prevención de xeito manual mediante tratamentos silvícolas rozas, rareos e eliminación de restos en zonas nas que non se pode actuar con medios mecánicos. Tamén realizarán actuacións mecanizadas mediante desbroces ao efecto de diminuír a carga combustible.

Esta web utiliza cookies de terceros para obtener datos estadísticos de la navegación de sus usuarios. Pulsa el botón "Aceptar" para autorizar su uso.

Aceptar | Rechazar | Más información